Monday 29 de April de 2024

O Concello impulsa a posta en marcha do ciclo de cine ‘Colón Noir’, con proxeccións en 35 milímetros acompañadas de coloquios con autores galegos


As proxeccións abranguen aos irmáns Coen, a René Clément e a Bob Rafelson. Escritoras e escritores como Nieves Abarca, Diego Ameixeiras e Domingo Villar serán protagonistas nos debates co público

O Teatro Colón acolleu este mércores a presentación dun novo ciclo de cinema de suspense e crime, ‘Colón Noir’, que comezará o vindeiro día 31 de marzo no recinto municipal e programará ata comezos de xuño.

O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, sinalou o carácter novidoso desta proposta na cidade. A idea, impulsada polo Goberno de Inés Rey, aproveita o bo momento dun xénero en auxe, o ‘noir’, coa particularidade de que as tres proxeccións previstas serán en 35 mm, en versión orixinal subtitulada e acompañadas de coloquios con tres referentes galegos da novela negra no propio Teatro Colón, como conclusión das sesións.

“Escritoras e escritores da terra como Nieves Abarca, Diego Ameixeiras e Domingo Villar, recoñecidos e especializados neste xénero literario, serán fundamentais nodesenvolvemento deste ciclo”, sinalou Borrego, que valorou a capacidade da narrativa para inspirar traballos que, posteriormente, trasládanse ao sétimo arte.

O ciclo ‘Colón Noir’, coordinado polo coruñés Javier Trigales, comezará coa proxección de “Fargo” (1996), dos irmáns Joel e Ethan Coen. Será o día 31 de marzo (20.00 horas), con Nieves Abarca como escritora convidada. Xa o día 21 de abril (20.00 horas), o Teatro Colón abrirá as súas portas a un clásico protagonizado por Jack Nicholson e Jessica Lange, “The postman always rings twice” (1981), con Diego Ameixeiras como participante no coloquio posterior. Por último, e xa o día 9 de xuño (20.00 horas), o ciclo pecharase con “Plein soleil” (1960), de René Clément. Domingo Villar será o escritor convidado para o remate das xornadas de cinema.

Trigales apuntou a importancia de integrar á literatura nesta proposta “porque a galega, en concreto, ten unha puxanza no xénero criminal moi importante”. “Será un formato de cine-fórum. Tentamos buscar títulos clásicos que poidan atraer a maior cantidade de público posible, e os irmáns Coen, por exemplo, son un valor seguro”, agregou.

As entradas para asistir ás tres sesións previstas no Teatro Colón xa están á venda na páxina web de Ataquilla.com, cun prezo de 3 euros para o público xeral.

Un intenso mes de cinema no Teatro Colón
O ciclo ‘Colón Noir’, que busca recordar ao Teatro Colón como un dos grandes cines da historia da cidade, súmase a un intenso calendario do sétimo arte no recinto municipal durante este mes. Neste sentido, o Teatro Colón acollerá a terceira edición da Semana do Cinema Galego, que comezará o vindeiro día 8 de marzo, enmarcada no plan do Goberno municipal para potenciar á Coruña como a cidade do cine en Galicia.